23 de febrero de 2009

I FESTA DA COCIÑA DA PEDRA EN GALICIA. 8 de marzo de 2009 en A Baña

Coincidindo coa VI Festa da Filloa da Pedra de A Baña, e como actividade complementaria organizada por socios e amigos da Asociación Filloas da Pedra de A Baña, informamos da celebración da I Festa da Cociña da Pedra en Galicia o día 8 de marzo de 2009 en A Baña.

A cociña da pedra en Galicia, cunha orixen celta confirmada, é unha técnica de lareira que os nosos devanceiros veñen transmitíndonos dende hai séculos. Esta primeira edición únicamente consistirá nun curso-degustación no que os asistentes aprenderán a cociñar na pedra algúns dos pratos máis tradicionais que veñen cociñando moitos galegos e veciños do Val de Barcala dende hai moitas xeracións.

O menú a degustar no curso por 25 €:
  • Espeto de polbo e langostinos na pedra con vinagreta de perexel e patacas cachelo. Vídeos de polbo á pedra
  • Lomo de robaliza na pedra con verduras salteadas e ensalada de leituga
  • Presa de porco celta con patacas de mantequilla e pementos do piquillo, todo feito na pedra con salsa agridoce de mazán.
  • Filloas recheas de tarta de queixo ó forno con caramelo

Por mor da falta de espacio, só podemos ofrecer nesta primeira edición da Festa da Cociña da Pedra un curso para 40 asistentes, polo que recoméndase reservar praza para o curso-degustación e confirmar a asistencia a esta actividade.


Información e inscrición:
Axencia de Desenvolvemento Local de A Baña - 981 886 777
filloas.pedra@yahoo.es


Enlaces con fotografías e vídeos relacionados:

20 de febrero de 2009

Vídeos filloeiros das Mestras Filloeiras de A Baña

¡¡¡¡¡Non vos esquezades de que a VI Festa da Filloa da Pedra de A Baña será o día 8 de marzo de 2009!!!!!


Mestras Filloeiras de A Baña facendo filloas na pedra:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


O Mestre Filloeiro José Manuel Mallón facendo filloas da pedra nas xornadas de cociña de Entroido no restaurante D'antaño en Bertamiráns:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Vídeo do libro 50 recetas con filloas da Asociación Filloas da Pedra de A BAña, editado por Albarellos:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Tamén podedes ve-las fotografías do curso de cociña de filloas da pedra neste enlace

14 de febrero de 2009

CURSO DE COCIÑA DE FILLOAS DA PEDRA EN A BAÑA

¡¡¡¡¡Non vos esquezades de que a VI Festa da Filloa da Pedra de A Baña será o día 8 de marzo de 2009!!!!!

Mentres, por se alguén quere aprender e practicar con algunha receita de filloas para o V Certame de Cociña da Filloa da Pedra de A Baña, entre os días 19 de FEBREIRO e 17 de MARZO de 2009, de 19 h a 22 h no Local Social de Barcala (A Baña), o noso amigo, compañeiro e Mestre Filloeiro José Manuel Mallón Ardións, chef do restaurante D'antaño en Bertamiráns, impartirá unhas clases maxistrais da cociña da filloa da pedra. É de supoñer, coma noutras ocasións, que o mestre nos alegre as xornadas cociñando algún manxar máis á pedra (ovos, cigalas, cogumelos, polbo...).

Neste enlace tedes unhas fotos do curso, e neste outro enlace atoparede-los vídeos do curso. Se queredes votar unha ollada ás filloas que polo mundo adiante se poden atopar, pois mirade aquí ou enviade as vosas fotografías.

O curso é gratuito, co compromiso, por parte de quen asista, de presentar un prato ao V Certame de Cociña de Filloas da Pedra.


Información e inscrición na Axencia de Desenvolvemento Local de A Baña - 981 886 777


As nosas receitas pódense ver nestes enlaces:

Descarga receitas do noso libro de filloas en PDF

¡Bo proveito! Esperamos a vosa participación

9 de febrero de 2009

V CERTAME DE COCIÑA DE FILLOAS DA PEDRA --- 8 DE MARZO DE 2009


O Concello de A Baña, como actividade enmarcada dentro da programación a realizar na VI Festa da Filloa da Pedra, convoca o V CERTAME DE COCIÑA DE FILLOAS DA PEDRA, co patrocinio da Fundación Feiraco, e coas seguintes BASES:



1º.- Cada concursante poderá presentar un máximo de dous pratos ó certame, sendo o ingrediente base a filloa da pedra. Cada preparación culinaria deberá ir acompañada da correspondente receita indicando o nome da mesma, o/a autor/a ou autores/as, ingredientes, cantidades e método de elaboración.
A valoración que outorgue o xurado basearase no arrecendo, no sabor do prato, na presentación e na orixinalidade da combinación dos ingredientes.

2º.- Os participantes neste certame inscribiranse antes das 14 horas do venres 06 de marzo de 2009 na Axencia de Desenvolvemento Local ou no teléfono 981 886 777. As bases deste certame pódense recoller na oficina da citada axencia en horario de 9 a 14 horas.

3º.- A inscrición será de balde, e no momento de facela asinaráselle a cada participante un número identificativo que figurará xunto ó prato dende o inicio do concurso, facilitando deste xeito o anonimato. Ó remate da valoración dos pratos por parte do xurado, cada participante poderá recoller o material utilizado.

4º.- Dende o momento da presentación dos pratos ó certame, os dereitos sobre as receitas presentadas e as fotos que se lles fagan ós pratos pasarán a ser propiedade do Concello de A Baña.

5º.- O prazo para a presentación dos pratos ó concurso rematará ás 13 horas do domingo 08 de marzo, e o lugar para presentalos será no stand do Concello de A Baña, no Pavillón Municipal.

6º.- Recórdaselle ós participantes que deberán seguir unhas normas mínimas de hixiene alimentaria durante todo o proceso de elaboración ou transporte dos alimentos.

7º.- O Xurado estará integrado por membros de recoñecido prestixio do eido gastronómico. Se a calidade dos pratos así o suxire, poderase declarar deserto o premio do Certame ou conceder os accésists que se coiden oportunos. O Xurado terá plenos poderes para decidir sobre calquera dúbida ou incidencia que xurda durante o Certame. As decisións do Xurado son inapelables.

8º.- Outorgaranse dous premios, ó mellor sabor e á mellor presentación, que consistirán nunha cesta de produtos de alimentación valorada en 300 €, e un diploma acreditativo do premio. Así mesmo, haberá unha mención especial ó prato máis orixinal, o gañador do cal recibirá como premio unha cea.

A tódolos concursantes se lles fará entrega dun agasallo en agradecemento pola súa participación. Os premios entregaranse o mesmo día 08 de marzo, ás 13:30 horas, no transcurso da VI Festa da Filloa da Pedra (Pavillón Municipal).

9º.- A presentación ó Certame implica a aceptación destas bases.

Concello de A Baña, a 6 de febreiro de 2009


7 de febrero de 2009

A VI Festa da Filloa da Pedra de A Baña será o día 8 de marzo de 2009



Xa pasou un ano e xa tiñamos ganas de FILLOAS DA PEDRA!

Volven o Entroido, as filloas da pedra, o inverno, o cocido... e tamén unha nova edición, a sexta, da nosa, e tamén vosa, Festa da Filloa da Pedra en A Baña. Para tervos ben informados, tan pronto como poidamos colgaremos calquera información oportuna neste blog, ou na web oficial da asociación en filloasdapedra.es

Poucas asociacións sen ánimo de lucro, apolíticas e sen axudas económicas, só coa boa vontade de veciños e amigos, sen moitos medios, coa arela de conservar parte do noso patrimonio gastronómico tradicional (e de orixen celta), conseguimos tanto en tan pouco tempo. Nun ano, e non sen atrancos, traballamos arreo:

-*- Publicamos un libro con 50 receitas de filloas presentadas por veciños e amigos ao noso certame de cociña, ¡¡¡e xa vai alá a 2ª edición!!!

filloeiras


-*- O noso libro de receitas resultou merecedor do Premio Nacional de Gastronomía Álvaro Cunqueiro 2008, en Lalín. Este é o "testiño", deseñado polo magnífico artista de Vila de Cruces Paco Lareo, que reciben os premiados.

filloeiras


-*- Participamos no Fórum Gastronómico de Santiago. Agora, as nosas filloas de A Baña coñécenas ata no Xapón da man do cociñeiro xaponés Yamamoto. Carme Ruscalleda e Ferrán Adriá (dous dos mellores cociñeiros españois) tamén disfrutaron ao facelas, sobre todo ao voltealas. Os cociñeiros, galegos, do Grupo9 axudaron moito e conseguimos facer deles uns expertos filloeiros.

-*- 10.000 persoas pasaron e comeron unha filloa na edición da festa no 2008, cifra difícil de superar.

-*- Espallamos a cultura filloeira por Europa, España e Galicia facendo degustacións en 20 actos.


A todos aqueles que dalgún xeito tiveron algo que ver con estes logros, decirlles que contan co noso agradecemento, eterno e sincero.

Quen queira ver a nosa festa, as nosas filloas, algunha das nosas actividades, a algúns dos que facemos posible este milagro filloeiro, pode conectarse con estes enlaces:
  • Galería de fotos en Flickr: festa do 2008, receitas, pedras... VER enlace
  • Modelo de "mesa" con rodas e freos para unha pedra de filloas e unha bombona... VER enlace
  • Fotos dun grupo internacional de filloeiros en Flickr... VER enlace
  • Cociñando na pedra polbo, ovos "fritidos", marisco, peixes, cogumelos, carne... porque nós cociñamos de todo nunha pedra. Pronto contaremos cunha nova edición da Festa da Cociña na Pedra. VER enlace con vídeos e fotos e outro enlace con máis vídeos.
  • Fotos dalgunha receita do libro 50 recetas con filloas, de Alvarellos Editora. VER enlace
  • Fotos das nosas filloas nas mans dos mellores cociñeiros no Forumsantiago08. VER enlace
  • Fotos da presentación do libro en Santiago. VER enlace
Como sempre, quen teña necesidade ou interés por máis información, quen queira propoñernos algunha actividade, quen queira participar no certame de cociña, quen queira aprender a facer filloas da pedra, todos podedes contactar con nós neste blog, por correo electrónico ou no teléfono 981 886 777

15 de abril de 2008

CUANDO SALGA EL SOL filloaré

filloeiros

Informa Amoado Lixeiro para Mopana y Lindares.- Lembrando a letra dunha fermosa canción, comunícovos que no primeiro domingo de abril ou de maio que veña con sol, un día quentiño, teremos unha xuntanza e atopamento gastronomofilloeiro entre socios e colaboradores da Asociación Filloa da Pedra de A Baña, á que todos coñecemos e apreciamos. O refestexo empezará coa sesión vermut a cargo da charanga As parrochiñas do Vinchenço. Abrirémo-los fuciños coa I+D filloeira na pedra do Cenlumes e pecharémolos despois de enche-lo bandullo coas viandas tradicionais para, de seguido, disfrutar dun café de pote con pingas (non son as do marqués), chupit@s de “who is kee?” e licor café, e alguén dixo que ía levar os puros habanos do último viaxe que fixo coa conselleira ou co alcalde. Será unha festa rachada ó estilo clásico das romerías de carballeira en Galicia. Para un bo remate desta foliada pensamos nos foguetes ós que tan aficionados somos pola comarca, que de botalos serán pola noite onde se poida e nos deixen.

filloeiras filloas, pedras, filloeiros e filloeiras

Para os fervuras, clónicos, bule-bules, hiperactivos, eubañeses, bañeiras e bideses, transxénicos, sulfatadores de froiteiras chovendo e taranvainas que van ó monte co fouciño a rozar no toxo, o menú pode ser este:

  • Mexilóns da batea que ten Xoan Carballa en Domaio aloumiñados da calor do Cenlumes na pedra con fechiños dun alvariño xeitoso mesturados con rechouchíos dun leve arrecendo de folla de loureiro e todo isto nunha aba de filloa da pedra feita á caron do lume de cerne de carballo.

  • Churrasco con chourizos criollos de metro e medio de longo, empanadas moi ben feitas, polbo á feira, chourizos á tinta femia morna, orella de cocho cocida e adobiada ó estilo feira, pantrigo do país e broa, viños da casa e de adega, auga da fonte que cría ras, refrescos e máis o que faga falta, …

  • As nosas filloas, ¿e logo non?


filloeiros e filloeiras filloas, pedras, filloeiros e filloeiras


DATA: se o demo non o impide e o tempo acompaña un domingo do 2008, xa se verá

LUGAR: centro lúdico e festivo habitual; non confundilo coa carballeirita de Fiopáns ou coa roblediña de Lañas

HORA: a oficial é ás 14, pero cada un que veña cando poida, con calma coma sempre, á eito e con fame


Despois do xantar e dunha longa e placenteira sobremesa, alá polas 17 horas, haberá xogos populares para adultos, pero sen abusar da confianza e do decoro habitual. Disputarase o 1º Campionato de Tira da corda ata que rache, o 3º Certame de Ovopicoaraña para equipos masculinos e o 4º Campionato de Tirapedras e a final galega de Salto con goma entre as pernas para equipos femeninos.

¡¡¡¡dame unha filloa!!!! filloas acústicas

As mozas ADSL amenizarán a xornada cun karaoque e cun desfile de traxes de baño de medias pezas que medio taparán a metade do corpiño de Carla Bruni. A nosa Carlinha confirmou a súa asistencia sen o petit Nicolá para disfrutar da compaña do noso presidente nunha partida de streap-dominó; a ela encántalle streaptearse diante do noso presidente e a el perder a propósito con ela ata gasta-lo seis doble.

¿E logo non?

Se algún arroutado ten ganas de esmorga dende a víspera, poñemos no seu escaso coñecemento que o sábado pola noite seguro que alguén fai por alí unha festaza pequena e vos invita a pagar. É sabido que nas festazas sempre se rifa algunha cabuxa con moito corno. ¿Alguén se lembra daquela canción portuguesa “eu gosto de mamar dos peitos da cabritiña”? Na última festa da filloa cantámola a miudiño.

Despois do xantar ven a dixestión. E ata a próxima, que xa avisaremos con tempo e con ganas.
.

trasnos das filloas